22 ago 2010

Mar (II)

Ás veces os plans cambian. De súpeto, sen que ninguén o decida.

Todo está planificado, apuntado en post-it, cada horario de chegada de tren, co seu correspondente bus. Días e horas partidos, para aproveitar cada momento. Na cabeza non colle outra cousa que o que hai encadrado. Lugares, reservas de hotel e restaurante. Billetes de barco.

Ás veces cambian os plans de viaxe. Que máis ten?

É doado retomar outros, moitas veces máis estraños, en praias descoñecidas, pisos ocupados.

--

Ás veces as relacións cambian. De súpeto, sen que ninguén o decida.

Todo está prexulgado, imaxinado na mente, cada diálogo, coa súa correspondente reacción. Días e horas para quedar, cafés en branco e negro. Na cabeza non colle outra cousa que o futuro. Persoas, lugares, proxectos. Roles estraños dentro e fóra do fogar provisional. Tarxetas de visita.

Ás veces cambian as relacións da xente. Que máis ten?

É doado deixarse levar e vivir unha serial de TV. O duro é ir de reaccionario e dicir non.

Non vou vivir neste guión telenovelesco no que os contratempos máis ananos se converten no drama máis grande. Non me preocuparei por cousas tan banais, que a mente [esa única que parecemos querer conformar todxs] nos impón.
Eu vou vivir a vida que eu considere mellor, deixando á marxe cánones [cristiano]caducos, perocupándome polo real. Pensarei, chorarei e berrarei. Non deixarei de ser reaccionario cada milésima de cada segundo en contra do que non vale. Se cada quince segundos morre un neno (non se contan adultos) por falta de auga (non se contan enfermidades/guerras)... síntoo, non vou vivir no meu drama improvisado, ao máis puro estilo da televisión desta época. Non podo pensar en que me viras a cara, cando a humanidade lle vira as costas, de contínuo, ás súas irmáns e irmás.
Pois, señoras, señores... Si, vou de reaccionario.

>Beautiful boyz-CocoRosie

1 ago 2010

Mar (I)

Desde a noite anterior houbera unha tregua entre a calor máis el. Por fin un pouco de sono (12 horas, quizais sono de máis). Cos raios de luz que se deslizaban polos buracos da persiana, chegaban tamén recordos iluminados da última semana.

Plans improvisados con xente descoñecida para converterse en pirata. Navegar a paraxes coñecidas, pero que se tornan descoñecidas na nova compaña. Escudos ou illas, todo ben a significar o mesmo se o referimos á personalidade. Peches voluntarios para escapar do pasado e do futuro tremoieiro.

E agora, días de sol e mar, paseos a carón do mar e gaivotas.


E, antes de todo iso, un paseo cheo de gaivotas, ao borde do mar. Acompañados das sereas e golfiños de pedra. Dous rapaces a pleno sol. Conversas profundas nese segundo, transcendentais até a próxima frase. En definitiva, nada máis banal que o que estaban a dicir, cando todo se interrompe por un bico esquivo e non autorizado.


E o tempo pasa, entre suores e auga fría. E chega i día na que houbo unha tregua entre a calor máis el. Por fin un pouco de sono. E, agora toca agardar para converterse en pirata na compaña dun coñecido por coñecer.

Días 2, 3, 4, 5, 6, 7, mañá do 8 [...]

31 jul 2010

Chegada

Ferruxento e demasiado cadrado, ese tren ía levalo a unha nova vida, que
imaxinaba, sería desconcertante pero animada. Saltou ao chanzo e penetrou naquela
vella máquina.
________

Unha nova mentalidade xermolaba no seu interior. Con dezaseis anos todo era
normal e pracenteiro, até que, dunha labazada, a realidade adolescente chegou aos seus
ollos con bastante retardo. A pesar de ser independente dese mundo, non podía deixar
de sufrir. Sufrir por non querer seguir os seus preceptos. Que máis tiña ser ou non, como
todas e todos querían ser e querían que for? Pero moverse pola súa propia vontade, en
grande parte determinada por esa sociedade, non facía máis que provocar o
afastamento lixeiro da xente, á vez que se achegaba a eles.

Xente que ía e viña, allea á elección do propio raciocinio. Agora, coa nova forma
de ver o mundo crecendo no seu interior, parecía poder escoller á súa libre vontade.
Pero, sorpresa! A xente seguía a escoller as relacións, sen contar coa súa propia opinión.
E así comezou todo.

Cara finais dese ano, con dezaseis anos, tres meses e quince días ás súas costas,
notou a presenza daquela rapaza, que intentaba ser o menos vista posíbel. Esquiva e
inqueda. O primeiro que viu dela foron as súas chaves, unha pendurada a modo de
colgante, dun simple cordón e outra na orella, como se for un pendente. O misterio da
súa forma de comportarse levouno a interesarse máis do normal por aquela compañeira.
Saíron da pequena sala de ensaios que pechaba tódolos personaxes e emocións finxidas,
agardando ser liberadas, outra vez, unha semana despois.

Casualidades leváronos a atoparse fóra do horario e fóra do lugar habituais.

Charla rápida, intercambio de números móbiles e correos electrónicos, sorrisos e cor
vermella na cara dela. Fin dese día na mente del.

Longas horas de charlas dixitais. Ir e vir de música, títulos de libros e películas,
opinións, críticas. O mundo, a sociedade, a política, o medio ambiente, e teatro. Todo o
tratábel foi tocado en cuestión de semanas. Unha soa quedada fóra do estipulado.
Charla, café e unha intrusa que vetaba os paseos e as conversas que realmente eles
querían ter.

Quedan nove meses para a fin deste capítulo.

Na última noite do calendario, con só dúas estrelas azuis no firmamento,
esqueceron todo e falaron do que antes non puideran. Bicos e abrazos en parte
prohibidos. Terra na roupa. Baixo unha árbore que resistía no último baluarte entre as
máquinas que arrincaran aos seus irmáns falaron do que lles pasara pola cabeza e non
puideran dicir e deixáronse levar, outra vez. E ao día seguinte tocarían as explicacións á
outra intrusa.

Todo transcorreu de forma moito máis fácil do que pensaran. A intrusa
entendeuno e a nova relación puido ser libre, por fin, tras meses de charlas esquivas do
tema central.

Agora a nova parella era libre de facer o que lle vira en gana. Entenderon a súa
relación como algo máis que un pouco de sexo e carantoñas de neno e nena de dezaseis
anos. Ao fin atoparan a alma xemelga, media laranxa do outro. E esa alma xemelga era,
precisamente, a que non cría en medias laranxas nin relacións complicadas, pechadas e
cheas de problemas e matices. Ambos buscaban algo máis simple; compartir domingos
de fotos no bosque, noites de fogueiras na praia e liberdade total, independencia. Amor?
Quizais, mais o ir e vir de cada un, as relacións con outras persoas, da índole que for,
non as determinaba o amor, entendido tal e como o conxunto o herdou do cristianismo.

--


Aínda que non sexa tempo delas, inspiran.