22 ago 2010

Mar (II)

Ás veces os plans cambian. De súpeto, sen que ninguén o decida.

Todo está planificado, apuntado en post-it, cada horario de chegada de tren, co seu correspondente bus. Días e horas partidos, para aproveitar cada momento. Na cabeza non colle outra cousa que o que hai encadrado. Lugares, reservas de hotel e restaurante. Billetes de barco.

Ás veces cambian os plans de viaxe. Que máis ten?

É doado retomar outros, moitas veces máis estraños, en praias descoñecidas, pisos ocupados.

--

Ás veces as relacións cambian. De súpeto, sen que ninguén o decida.

Todo está prexulgado, imaxinado na mente, cada diálogo, coa súa correspondente reacción. Días e horas para quedar, cafés en branco e negro. Na cabeza non colle outra cousa que o futuro. Persoas, lugares, proxectos. Roles estraños dentro e fóra do fogar provisional. Tarxetas de visita.

Ás veces cambian as relacións da xente. Que máis ten?

É doado deixarse levar e vivir unha serial de TV. O duro é ir de reaccionario e dicir non.

Non vou vivir neste guión telenovelesco no que os contratempos máis ananos se converten no drama máis grande. Non me preocuparei por cousas tan banais, que a mente [esa única que parecemos querer conformar todxs] nos impón.
Eu vou vivir a vida que eu considere mellor, deixando á marxe cánones [cristiano]caducos, perocupándome polo real. Pensarei, chorarei e berrarei. Non deixarei de ser reaccionario cada milésima de cada segundo en contra do que non vale. Se cada quince segundos morre un neno (non se contan adultos) por falta de auga (non se contan enfermidades/guerras)... síntoo, non vou vivir no meu drama improvisado, ao máis puro estilo da televisión desta época. Non podo pensar en que me viras a cara, cando a humanidade lle vira as costas, de contínuo, ás súas irmáns e irmás.
Pois, señoras, señores... Si, vou de reaccionario.

>Beautiful boyz-CocoRosie

1 ago 2010

Mar (I)

Desde a noite anterior houbera unha tregua entre a calor máis el. Por fin un pouco de sono (12 horas, quizais sono de máis). Cos raios de luz que se deslizaban polos buracos da persiana, chegaban tamén recordos iluminados da última semana.

Plans improvisados con xente descoñecida para converterse en pirata. Navegar a paraxes coñecidas, pero que se tornan descoñecidas na nova compaña. Escudos ou illas, todo ben a significar o mesmo se o referimos á personalidade. Peches voluntarios para escapar do pasado e do futuro tremoieiro.

E agora, días de sol e mar, paseos a carón do mar e gaivotas.


E, antes de todo iso, un paseo cheo de gaivotas, ao borde do mar. Acompañados das sereas e golfiños de pedra. Dous rapaces a pleno sol. Conversas profundas nese segundo, transcendentais até a próxima frase. En definitiva, nada máis banal que o que estaban a dicir, cando todo se interrompe por un bico esquivo e non autorizado.


E o tempo pasa, entre suores e auga fría. E chega i día na que houbo unha tregua entre a calor máis el. Por fin un pouco de sono. E, agora toca agardar para converterse en pirata na compaña dun coñecido por coñecer.

Días 2, 3, 4, 5, 6, 7, mañá do 8 [...]