15 ago 2011

Martyrs, Pascal Laugier (2008)

Regardez! J'ai fait!

Iso é o que Laugier debeu berrar Mira! Fíxeno! Cos seus 6 millóns de dólares de presuposto desprega toda a opulencia que un filme francés pode amosarnos. Nada se sae do común. Nada. Os decorados máis típicos onde pode transcorrer unha historia. As accións, problemas e resolucións máis habituais do xénero. E as personaxes máis recorrentes, agás pola pantasma/mononoke que persegue a Lucie [Mylène Jampanoï] até a súa fin (e será por iso da ascendencia xaponesa da coitada personaxe).

E, a pesares de todo, sorpréndenos. O público atópase cun nó permanente no estómago; dende a primeira aparición das pantasma de Lucie até os títulos de crédito. E ese nó non deixa de medrar, presionando co coa luz, o son e os escenarios desolados, incluso, de sentimentos. E, por momentos o silencio que impregna todo, que a todo se pega e, que aínda en medio de berros, golpes e música, consegue tapiarnos os oídos.

A primeira das historias é o crecemento de Lucie [Mylène Jampanoï], sempre acompañada de Anna [Morjana Alaoui], nunha relación que medrará case sen decatarnos até o máis profundo amor. E como transición entre a inocencia infantil e as novas personaxes aparece a feliz familia (nai loira osixenada, pai gracioso/severo, neno superdotado e rapaciña pícara). O cambio non é completo até que se nos amosa unha Anna crecida; o xogo das mans ensanguentadas de Lucie. Agardando pola súa amiga e protectora tansó acompañada do respaldo do silencio, as viaxes de cámara e o máis impersoal e aséptico escenario -e despois dun derramamento de ketchup que parece do máis innecesario- chéga o momento máis tenso da fita, no que tamén se nos amosa quen son as dúas orfas.

Algunhas transicións -as elipses do inicio, sobre todo- son bastante vellas, pouco orixinais, pero melloran, e moito, comezando pola esteadicam sobre a primeira morta, e seguindo polos planos rápidos e esquizofrénicos a ritmo de golpes –musicais?-. Un tótum revolútum visual, un pastiche ecléctico de transicións -e xa paro cos sinónimos- que nos levan, agora si á chicha da película. Os disparos, o sangue, e os berros fannos sentir a dor, o mareo e o medo, pero quizais o silencio do ambiente e o pranto de Lucie son o que máis nos conmove, chegamos a entendela e solidarizarnos con ela e, preto da súa fin as nosas mans agarrarán os pulsos, e antes que odio por ela, quereremos ser o que espante á súa persoal pantasma.

E, á fin, comeza unha historia realizada dun xeito exquisito, dese gore sentimentaloide cun telón de fondo pseudo-filosófico, que agarda revelarnos o máis profundo senso da vida.

O mundo é un lugar onde todos sofren. Os mártires son estraños. Un mártir! Iso é algo máis… Un ser fóra do común, excepcional. Sobrevive sufrindo, a falta de todo. Aínda que nós cargamos con todo o mal da terra, o mártir transcéndese a si mesmo. Mira os seus ollos! E dime que o concepto de mártir é unha invención do mundo relixioso.

Precísase, no momento dado, dun xiro total da trama, -principalmente porque só queda viva unha personaxe- que Laugier sabe compensar coa primeira sufridora (suppliciée) [Emilie Miskdjian] e todo o que a súa liberación provoca. Así, a chegada dos malos reais, por fin, dos homes e mulleres de negro fai que Anna [Morjana Alaoui] nos fai ser ela mesma, o aire que a rodea. Onde a Mademoiselle [Catherine Bégin] fai que sintamos o frío nas costas e nos transformemos na cadea que atrapa á protagonista, querendo e non podendo soltala, sendo indesexábeis espectadores do sufrimento e transformación. Escenas de violencia non tan gratuíta, da cal o son e a música nos fan partícipes, son as que nos deixan no estado catatónico de Anna, agardando o peor, até que o peor chega, e a soa luz dunha porta nos fai tremer. E tremeremos.

Coa ducha do novo propietario da casa entramos na macabra vida cotiá dun matrimonio que, agora coma nunca, nos fai entender (pola similitude de cabelos osixenados, será) quen eran os anteriores inquilinos, e sentimos coma nunca a necesidade de recargar a escopeta de Lucie. Decae entón, dun xeito remendo o ritmo e tensión do filme, nun bucle de esoterismo, misticismo e pseudofilosofía que non desloce totalmente a trama e nos conduce a un non inesperado pero si inquietante final.

Imaxinades o que hai despois da morte? Pois seguide dubidando.

+ A favor: O elenco, polo xeral, ten un alto nivel (moi recomendábel na versión orixinal).

- En contra: A historia, que forza a trama, a medio explicar. Enténdese, pero queremos máis.

Desoladora impresión visual e sentimental que nos deixa o filme, comparábel con House of Nine (Steven R. Monroe, 2005), que tivera o mesmo presuposto xa catro anos antes. Garántese un entorno austero –e por iso claro, conciso- pero non pobre ou cutre, que coa luz ferintemente natural e reveladora logra saír ben do apuro mellor que outros filmes (The hills Have Eyes, Alexandre Aja (2006) cun custe de 15$ millóns) e peor que outros (Saw II, Darren Lynn Bousman (2005) 4$ millóns).



No hay comentarios:

Publicar un comentario