13 ago 2011

La Herencia Valdemar, José Luís Alemán (2010)

Unha versión escura e adulta de La herencia de tía Ágatha, con referencias do Cluedo, ao máis puro estilo Hasbro, -que non, non patrocina este filme- ábrenos as portas a una estraña axencia inmobiliaria, en cuxo interior atopamos case tantos misterios como na vella Mansión dos Valdemar.

Atopamos unha fita “privada”, no sentido estrito, no que ningunha institución pública puxo un só céntimo para a súa produción. Admirabelmente pioneira, xa que logo, pola calidade da mesma, tendo en conta o presuposto (13 millóns de euros), que se repartiu nunha soberbia fotografía (excelente vestiario, decorados moi coidados e un atrezzo meditado), un amplo e recoñecido elenco, os necesarios efectos dixitais, as localizacións e, claro está, o catering final!

Desglosando:

O conxunto visual deixa unha fonda pegada no espectador, xa que logra unha simbiose exacta e minuciosa do vestiario, a localización e o decorado (tanto na narración contemporánea como na historia que narra a Doutora Cerviá [Ana Risueño]) que non pode máis que meternos de cheo nese océano decimonónico, romántico e , queira Lovecraft ou non, británica e melanolicamente insular. É entón cando o gag a Bram Stocker -fillo dunha acérrima feminista do seu tempo- cobra sentido arredor destas ideas, e máis concretamente na escena onde a Marquesa Beatriz [Ana Bullón] e Leonor [Laia Marull] sentan no xardín, case calcado da conversa entre Mina Murray [Winona Ryder] e Lucy Westenra [Sadie Frost] no patio en Drácula, de Bram Stocker.

O soberbio elenco (onde as caras coñecidas non faltan) tira do axustadísimo presuposto para presentarnos a Daniele Liotti, Óscar Jaenada, Laia Marull, Silvia Abascal e Francisco Maestre nunha teatralmente boa interpretación (que se note de onde veñen!). Nun discreto plano, a modo de baixo continuo, necesario pero case desapercibido vemos a Ana Risueño, Vanesa Suárez, Santi Prego, Luis Torrijo ou Jesús Olmedo entre outras e outros.

Norma Ruíz (Cuéntame cómo pasó, Yo soy Bea) ou Rodolfo Sancho (MIR; Hospital Central) non conseguen saír dos papeis aos que nos teñen acostumados, e non convencen. Debe salientarse negativamente a conversa entre as personaxes de ambos actores (na oficina) onde os movementos da actriz madrileña chirrían ao estremo.

Por outra banda, o que máis chama a atención positivamente do filme –en conxunto coa fotografía- é a estudada iluminación (que ven da máis expresionista alemaña) que reforza a inmersión no ambiente.

A historia, en si, ten un curioso pero acertado enfoque, no que se nos introduce no “misterio Valdemar” no ano 2008, a partires de personaxes que nada terán que ver co flashback que constitúe case toda a película. Coa voz narradora da Doutora Cerviá [Ana Risueño] introdúcesenos nunha minuciosa e coidada historia, case sen mácula, agás os efectos dixitais, que quedan bastante desfasados. Non se pode dicir o mesmo da primeira historia –a contemporánea- que Ana [Norma Ruíz] e Eduardo [Rodolfo Sancho] forzan cunha calidade interpretativa baixa, abríndolle paso a unha Silvia Abascal (no papel de Luísa Llorente) que comeza preguntándose se “¿agua?” dun xeito moi pouco profesional, pero que gañará cando a tasadora abandone o seu loft.

Estrepitosas son algunhas secuencias, na súa meirande parte as realizadas dixitalmente, ou a caracterización de Maximillian [Eusebio Poncela] que non por malas e esperpénticas deslocen o resto do filme. Atopamos en afincados e -dados por suposto- bos directores como o respectadísimo Álex de la Iglesia, cuxos pallasos trompetistas seguiron fieis os pasos de Valle Inclán, varias críticas positivas, e ningunha tan ferinte o pouco profesional como as que atacaron a esta Herencia Valdemar, claro exemplo de éxito persoal das equipas artística e técnica -e as súas produtoras e distribuidora- por apostar polo cabalo sen padriño ICO, pero que soubo chegar á meta nunha posición digna, sen necesidade do remolque académico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario